COMPRA DE TERRA


SALVA UN ESPAZO NATURAL

Compremos terra

Esta campaña está orientada á compra de terra co propósito de manter ou recrear ecosistemas naturais propios da zona onde estea ubicada.

Aínda que nós non acreditamos nas políticas de conservación baseadas en manter espazos moi ben conservados e o resto ser unha agra aberta, onde prime a especulación e o principio de sacar a máxima rendabilidade económica a calquera prezo, pensamos que é preciso conservar espazos  o máis naturais posibles onde se dean as condicións para que a biodiversidade se exprese con toda plenitude co fin de garantir o seu futuro.

Tampouco entendemos que esta sexa a solución aos problemas que hoxe temos. Son as diferentes  Administracións as  quen teñen que tomar medidas neste senso xa  que sempre poderán abranguer moitísimo máis territorio e dar solucións de forma global. E por iso que as nosas reivindicacións fronte aos poderes públicos terán que ter a mesma intensidade que tiveron ata o momento.

A nosa proposta, non é máis que unha resposta colectiva, en positivo, a impotencia que durante tanto tempo nos ten indignados e aportar unha miga, xunto a miles de pequenos propietarios que xa nos seus predios, tentan facer un labor de conservación.

Non é esta a primeira iniciativa co mesmo obxectivo que hoxe está en marcha no noso país. Ridimoas, A Limia,…. son exemplos da xenerosa resposta popular a unha política forestal e de conservación  do medio natural nefasta e cutre que de forma, practicamente ininterrompida, levaron dende o Goberno Galego.

Os datos oficiais de sempre e os que ultimamente apareceron en diferentes medios son ben elocuentes e alarmantes:

  • Só queda un ridículo 1% de masas forestais autóctonas
  • Anuncian que pretenden plantar 30 millóns de eucaliptos neste ano
  • Proliferación de especies invasoras que fai xa practicamente imposible a súa erradicación (mimosas e outras acacias, ailantos,… cangrexo americano, visón americano,….)
  • A lista vermella de especies en perigo segue aumentando levando a algunha delas a total extinción.
  • A protección de espazos naturais e pura fantasía e só un problema para os veciños, non para os poderosos que encontran a forma de burlar as limitacións.

E pois urxente actuar con todos os medios ao noso alcance, con xustas esixencias, con denuncias, con educación ambiental, … e coa posta en práctica de pequenos modelos que sirvan de exemplo, de chamada de atención, e que na súa modesta medida, contribúan a conservación dun país que de seguir así perderá en breve as súas siñas de identidade.


Edición de BONOS:

  • 2 € (pegatina). Aproximadamente 1metro cadrado
  • 12 € (pegatina): Aproximadamente ½ cuartillo
  • 23 € (pegatina): Aproximadamente 1 cuartillo
  • Bono en pequeno: cartaz con espazo en branco para indicar a cantidade que se quere aportar. Estes bonos hainos co texto en singular e en plural: «Eu axudo a conservar»… «Nós axudamos a conservar»…
  • 536 €: cartaz. Aproximadamente 1 Ferrado


ADEGA pode xustificar oficialmente a aportación realizada.

Os cartos recollidos utilizaranse para o pagamento de terreos, gastos que orixine a transacción, os gastos da campaña e para a xestión dos espazos adquiridos.
Para ter a maior transparencia posible informaremos de forma detallada, sistemática e pública da marcha da campaña. Inicialmente os datos estarán expostos no Blogue: eiradaxoana.blogaliza.org

Os Ingresos poden realizarse no seguinte número de conta de ADEGA en Novagalicia Banco: 2080 00 34 710040007934, especificando o concepto («Compra de Terra») e o voso nome e apelidos, no caso de que queirades figurar coma participantes na campaña.

Os terreos a adquirir serán principalmente na comarca natural do Alto Ulla onde nestes momentos xa temos uns 20 Ferrados. Isto non impedirá que, se funciona a campaña, por razóns de urxencia na conservación se compren noutro lugar do país.

IMPORTANTE

Os terreos adquiridos figuraran a nome de ADEGA.
No caso de disolverse a Asociación, a propiedade pasará a ser pública
segundo acordo adoptado por ADEGA.

Para máis informacion preme eiquí.

COMPRA DE TERRAS NA ZONA DA ULLOA PARA USO INDIVIDUAL/COLECTIVO

Se estás interesada/o en mercar terras na zona da Ulloa para facer uso delas de forma ecolóxica, nós podemos facilitarche información. Ponte en contacto con Pepe Salvadores no 659689984.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha Resposta a COMPRA DE TERRA

  1. Luis Valle di:

    Rapaces:

    Eu quero axudar a mercar terra. Como fago?

    Apertiñas,

    luis